Unha elevada porcentaxe de profesionais do sector cultural privado opera desde o autoemprego: como autónomos, en microempresas cun único traballador -elas/es mesmos- ou en cooperativas de traballo asociado. A situación maioritaria é estar dadas/os de alta no réxime de autónomos (RETA), con todas as problemáticas específicas deste colectivo.
A intermitencia é outra característica intrínseca do sector cultural e creativo, implicando a alternancia duns momentos de produción con outros de creación, difíciles de cuantificar e delimitar. Estes últimos, a efectos laborais, implican parénteses nas rendas, nas cotizacións e na vida laboral. Trátase dun dos temas principais que debe abordar aínda o desenvolvemento do Estatuto do Artista, tamén dos que máis resistencia atopa na Seguridade Social e especialmente no Ministerio de Hacienda.
Tamén debemos ter en conta que só unha parte reducida das persoas traballadoras da cultura ten ingresos suficientes para adicarse en exclusiva á súa profesión. Unha parte delas compaxina diversos oficios dentro do sector cultural, por exemplo xestión cultural e facetas artísticas. En xeral tamén é habitual ter que compatibilizar varios proxectos simultáneos, coas dificultades que supón para a produtividade e ter unha estabilidade.
Despois teriamos a quen traballa tamén noutros sectores, ben de xeito parcial para completar os seus ingresos ou directamente ten un posto a xornada completa que lle garante unha seguridade económica. Con respecto a este último grupo prodúcense a veces certas tensións, similares ás indicadas co terceiro sector xa que, ao ter xa cubertas as súas necesidades económicas vitais, atópanse alonxados destes debates e preocupacións sobre a profesionalización e en ocasións operan por debaixo dunhas condicións económicas mínimas ou incluso gratis.
Sinálase a dificultade de abordar esta realidade se non é establecendo xa desde as entidades organizadoras, especialmente se son entidades públicas e sectoriais, que todas as colaboracións artísticas e culturais sexan retribuídas de inicio.